Icono del sitio CanalBarbanza.com

O UNIÓN DISPUTA ESTE DOMINGO A IDA DAS SEMIFINAIS DE ASCENSO A PREFERENTE

A campaña regular da Primeira Futgal rematou hai dúas fins de semana e logo dun pequeno descanso, os equipos clasificados disputarán a primeira fase da promoción de ascenso. O Unión, que completou unha gran campaña, quere poñerlle a guinda ao pastel conseguindo o ascenso á Preferente e o seu primeiro rival no camiño é o Corgomo Vilamartín.

Os rianxeiros finalizaron como o terceiro mellor equipo do grupo 5 tras gañar 22 partidos, empatar oito e perder catro polo que conseguiron 74 puntos. Foi o terceiro mellor ataque e a segunda mellor defensa e agora deberá seguir na liña amosada na fase regular nestas semifinais.

O Vilamartín foi segundo no grupo 4 ao vencer en 21 encontros, empatar en oito e perder cinco. Acabou a liga como o equipo máis goleador e tamén como o segundo que menos tantos recibiu nas 34 xornadas disputadas.

Agora Unión e Corgomo veranse as caras nas semifinais do playoff polo ascenso cun obxectivo claro: avanzar ata a final. O primeiro choque vivirase este domingo no municipal de Vilas. O equipo fixo un chamamento á súa afección, para encher as gradas e animar aos vermellos neste transcendental duelo que se vivirá o domingo a partir das 18.00 horas.

Salir de la versión móvil