O remo volverá a ser protagonista esta fin de semana na Pobra do Caramiñal con dúas citas deportivas organizadas polo Club de Remo Puebla en colaboración co Concello e distintas entidades.
A primeira delas celebrarase o sábado 9 de maio ás 17:30h coa disputa da I Bandeira Traiñeriñas, unha proba destinada ás categorías de base e que reunirá na dársena do porto comercial a futuras promesas deste deporte tradicional
E o domingo, ás 11:30h, terá lugar a III Bandeira de Traiñeiras Veteranas nas categorías feminina e masculina. A competición disputarase en modalidade en liña, con catro carreiros e un percorrido de 875 metros.
As dúas xornadas servirán non só para promover a competición deportiva, senón tamén para reforzar a tradición mariñeira e o vínculo da vila co remo, un deporte moi arraigado na comarca.
Desde o Concello da Pobra animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao porto comercial para apoiar ás tripulacións e desfrutar dunha fin de semana marcada polo deporte e a tradición mariñeira.
A POBRA DO CARAMIÑAL SERÁ ESTA FIN DE SEMANA O ESCENARIO DO REMO


