A conta atrás xa está en marcha para unha nova edición da andaina solidaria de Congalsa, que este ano celebra o seu décimo aniversario. A marcha partirá ás 9:30h dende a praza Segundo Durán, reunindo a centos de participantes nun percorrido accesible e pensado para todos os públicos.
O itinerario, duns dez quilómetros e en formato circular, permitirá descubrir algúns dos puntos máis emblemáticos da costa pobrense, como a Punta de Cabío ou a praia de Laxe, combinando natureza, patrimonio e compromiso social.
A iniciativa mantén o seu obxectivo principal: converter o esforzo físico en apoio económico a distintas entidades da comarca. Ademáis da inscrición, cada participante deberá achegar polo menos un quilo ou litro de alimentos non perecedoiros o día da proba.
As inscricións xa están abertas a través de internet e permanecerán dispoñibles ata o 21 de maio. Hai modalidade individual e familiar, e tamén se habilitou o chamado “dorsal 0” para quen queira colaborar sen participar na andaina.
Unha proposta que, cada ano, suma máis apoios.
A SOLIDARIEDADE VOLVE A POÑERSE EN MARCHA NA POBRA DO CARAMIÑAL


