Esta fin de semana desenvolveuse a trixésimo segunda xornada da Primeira Futgal e os resultados non acompañaron. O único que sacou algo positivo do seu encontro foi o Unión, grazas tamén ao tropezo do seu rival directo pola promoción, o Cordeiro.
Os vermellos, terceiros, visitaron o Hospitalillo para medirse ao Agolada, penúltimo clasificado. Os locais apuran as súas opcións de loitar pola permanencia na categoría e saíron moi serios ao verde, freando os intentos dos de Asados por poñerse por diante no marcador. O Unión non conseguiu ver porta nos 90 minutos do duelo pola falta de puntería e o bo facer do meta e da defensa rivais, polo que o 0-0 non se rompeu. Reparto de puntos que deixa aos rianxeiros un paso máis preto de confirmar a súa presenza na promoción xa que ten cinco puntos de marxe co Cordeiro, cuarto, e quedan só dous partidos por disputarse.
O Abanqueiro saíu goleado da casa do novo líder do grupo 5, o Marín. Os pontevedreses tiñan a tiro o primeiro posto e aproveitaron a derrota do Ribadumia para asaltar a cabeza da clasificación. Os locais conseguiron adiantarse no minuto 34 despois dun gran achegamento, pero o Abanqueiro vendeu cara a súa derrota. O Marín intentou bater de novo a portería visitante e conseguiuno no 56 e de novo no 60. Cando faltaban 10 minutos para o final os locais firmaron o definitivo 4-0. Os da Charca seguen décimo cuartos e teñen seis puntos de marxe co descenso.
O que está ao bordo do abismo é o Valiño que está a un só punto da zona perigosa. Os de Cabo de Cruz encadean sete encontros perdidos despois de caer co Ponte Caldelas, sétimo clasificado. Os primeiros 40 minutos foron equilibrados, ningún dos equipos puido superar a defensa rival e bater a súa portería, ata que no 42 os visitantes abriron a lata. A segunda metade seguiu a mesma liña, pero o Valiño non estivo acertado para poñer de novo o empate e xa ao final, no 94, o Ponte Caldelas anotou o definitivo 0-2. Os crucenses son décimo quintos e teñen só un punto de marxe co descenso, marcado polo Amanecer.
E no grupo 2 a Esteirana caeu goleada ante o líder, o Arzúa. Apenas se disputaran catro minutos do duelo cando os visitantes golpearon co primeiro tanto da tarde no Xosé Luis Vara e no 37 o Arzúa ampliou a súa vantaxe. Houbo que agardar á segunda metade para ver o único tanto local, obra de Raúl Lado no 75 que deu esperanzas aos muradáns, pero rápido se esfumaron xa que aos catro minutos o Arzúa anotou o 1-3. Os visitantes bateron a meta local dúas veces máis, no 81 e no 88, para facer o definitivo 1-5. A Esteirana despedirá a campaña como o peor equipo do grupo 2.

