Tarde redonda no municipal de Barraña, onde o CD Boiro protagonizou unha das goleadas da tempada.
O conxunto barbanzán non deu opción ao Atlético Arteixo, que chegaba en racha, pero que se viu completamente superado desde o inicio. Presión alta, intensidade e moita efectividade marcaron un partido que pronto se puxo de cara.
Juanma abriu o marcador tras unha contra rápida, e pouco despois Yago aproveitou un erro defensivo para facer o segundo. Antes do descanso, o propio Yago ampliaba a vantaxe co terceiro, deixando o encontro practicamente sentenciado.
Lonxe de relaxarse, o Boiro mantivo o ritmo na segunda metade. Prol fixo o cuarto nun saque de esquina, Adri Castro anotou o quinto e, xa no tramo final, Yago completou o seu triplete para pechar unha goleada incontestable: 6-0. Un resultado que reforza as aspiracións do equipo na loita polo playoff.
E tamén houbo boas novas para o Noia CF, que sumou unha vitoria clave na súa pelexa pola permanencia.
Os noieses impuxéronse con autoridade no campo do Juventud Cambados nun duelo directo pola zona baixa. Mario Regueiro adiantou ao Noia na primeira metade, e tras o descanso, Javi Muíño ampliou distancias.
Co rival xa volcado ao ataque, José Kanté sentenciou o partido nos últimos minutos, certificando un triunfo que dá osíxeno ao equipo, aínda que segue en postos de descenso.
Unhas xornadas que dan un lavado de cara para os equipos da comarca, coa euforia intacta para nos boirenses, e esperanzas renovadas para o Noia.
XORNADA MOI POSITIVA PARA O FÚTBOL BARBANZÁN NA TERCEIRA FEDERACIÓN


