O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Axencia Galega de Infraestruturas reforzará as súas competencias coa execución de obras sanitarias e educativas, ademais das viarias. Deste xeito, os departamentos que xestionan os servizos públicos poderán dedicar todos os seus esforzos a melloralos.
Para que isto sexa posible, Feijóo precisou que o Consello da Xunta aprobou a nova estrutura orgánica da Axencia Galega de Infraestruturas, co obxectivo de consolidar este organismo como centro de execución das principais obras públicas da Administración autonómica.
Cómpre salientar que para o reforzo da estrutura da Axencia Galega de Infraestruturas créanse dous novos servizos: o de contratación, para darlle resposta ao incremento da carga de traballo derivada da asunción de novas funcións en materia de edificación e axilizar a tramitación de expedientes contractuais; e o Servizo de obra de edificación, que terá o obxectivo de levar a cabo o seguimento e control da execución das obras de edificación encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas.
Unha vez convertida a AXI no órgano especializado na execución de obras máis alá das propias de estradas, o responsable do Goberno galego subliñou que a Xunta prevé a encomenda de máis de 20 actuacións estratéxicas nesta lexislatura, cuxo volume de obra, contando co xa encomendado, podería superar os 130 millóns de euros.
A Axencia Galega de Infraestruturas reforza as súas competencias coa execución de obras sanitarias e educativas
Please login to join discussion