Deputación Da Coruña

A Deputación da Coruña animará á lectura coa entrega de 5.000 libros en 30 concellos

A área de Cultura da Deputación da Coruña repartirá case 5.000 libros en 30 concellos da provincia dentro do programa “Libros para sermos Libres” que se desenvolverá o sábado día 22 de abril, véspera do Día Internacional do Libro. En tres anos completaranse a totalidade dos 93 concellos coa entrega de 15.000 exemplares do fondo da Deputación.

“Libros para sermos libres” é o lema da campaña que a área de Cultura da Deputación da Coruña organiza para conmemorar o Día Internacional do Libro e que se desenvolverá en trinta concellos da provincia. Na xornada, que se celebrará de forma simultánea na totalidade dos concellos, repartiranse arredor de 5.000 libros, nesta primeira edición dunha iniciativa que terá continuidade nos vindeiros anos até completar a totalidade dos concellos da provincia coa entrega de case 15.000 exemplares.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, explicou a actividade como “unha iniciativa pioneira que quere visibilizar o libro e promover a lectura na poboación, aproveitando a celebración dunha data que se conmemora en todo o mundo”.

Os libros con que se agasallará á veciñanza dos distintos concellos proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista. Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como “Cousas” de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.

o día de agasallo será o sábado 22 de abril, véspera do Día Internacional do Libro, ás 12:00 horas nun lugar céntrico de cada concello

https://www.youtube.com/watch?v=XR4SUEQz18A

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.