O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe durante unha reunión coa vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, o compromiso cos asuntos prioritarios para Galicia entre os que destacou o AVE, o reto demográfico e o Xacobeo 2021.
En canto ao AVE, Feijóo valorou o coñecemento da vicepresidenta sobre o tema e a confirmación de que os presupostos do Estado recollen unha previsión suficiente para garantir o avance do tren de alta velocidade segundo o calendario comprometido e co obxectivo de que chegue a Galicia no terceiro trimestre de 2019.
Ambos os mandatarios avaliaron tamén as obras de rehabilitación da Catedral de Santiago e coincidiron en que, ademais de manter esta colaboración -reflectida no protocolo firmado polo presidente Mariano Rajoy-, é necesario ampliala con outras posibles vías de colaboración de cara ao Xacobeo 2021.
O presidente da Xunta e a vicepresidenta do Goberno de España falaron tamén dos temas que afectan conxuntamente a todas as comunidades, destacando especialmente o seguimento da Conferencia de Presidentes.
O responsable da Administración autonómica galega ratificou á vicepresidenta o interese de Galicia por seguir avanzando, especialmente naqueles ámbitos que teñen unha maior relevancia para a nosa Comunidade: financiamento autonómico, reto demográfico e pacto pola educación.
Feijóo constata o compromiso do Goberno central cos asuntos prioritarios para Galicia como o AVE, o reto demográfico e o Xacobeo 2021
Please login to join discussion