O Club Natación Ribeira fixo onte a presentación oficial dos diferentes equipos da entidade. E fíxoo ao grande, no complexo da Fieiteira. Á cita acudiron directivos da entidade deportiva así como o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, e o edil de Deportes, Juan Luis Martínez. O club iniciará a tempada con ao redor de 110 fichas entre os compoñentes dos diversos equipos de natación e tamén do grupo de tríatlon.
Unha das novidades foi tamén a presentación do novo patrocinador do equipo. As camisetas dos deportistas do Ribeira, tanto os de natación como os de tríatlon, levarán estampada a marca de Germania. A firma encargarase do patrocinio durante os próximos tres anos.
Na presentación oficial estaban presentes os diferentes adestradores das seccións da entidade, así como o director deportivo, Juan Carlos Brión.
Os equipos de natación contan con ao redor de 70 licenzas mentres que a sección de tríatlon está composta por uns 40 deportistas. E é que esta modalidade está a crecer de forma considerable nos últimos anos e xa son moitos quen a practican.
Juan Carlos Brión, que se encargará, un ano máis, de coordinar todas as seccións, sinalou que ademais dos preparadores, conta con varios colaboradores específicos. Así, Juan Manuel Olveira colaborará na parte correspondente ao atletismo, mentres que Álvaro Docampo estará á fronte da sección de ciclismo. Pola súa banda, Iván Brión será o encargado de dirixir aos atletas na parte referente a augas bravas.
A tempada xa arrincou este fin de semana para os máis pequenos e aos poucos iranse integrando á competición o resto de nadadores. As probas de tríatlon arrincarán en xaneiro.
Brión indicou que a intención da directiva é darlle máis repercusión a estes deportes nas categorías inferiores. Tamén comentou que o obxectivo do equipo de natación é intentar o ascenso a Segunda nacional tras a boa tempada en Promoción.
http://youtu.be/4WWq833x_QI