A Consellería do Mar vén de poñer en marcha a aplicación móbil Non piques, non peques. Unha ferramenta que contén información sobre as vedas, os talles mínimos e o período óptimo de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan en Galicia.
A Xunta impulsa esta iniciativa coincidindo coa época das vacacións de Semana Santa e co obxectivo de difundila e dala a coñecer entre a cidadanía en xeral e especialmente entre os turistas que visitarán Galicia no período vacacional. Esta aplicación ofrece á cidadanía información sobre as mellores épocas para comprar e consumir peixe e marisco capturados na nosa comunidade ao tempo que axuda a identificar de xeito sinxelo, visual e ameno as distintas especies e a coñecer cales están en veda.
Ademais contén información sobre os tamaños mínimos legais para o seu consumo. Está composta por 53 fichas individuais das principais especies da pesca e o marisqueo en Galicia e funciona como unha guía sinxela que unha vez descargada se pode consultar sen ter conexión a internet.
A descarga da APP é moi sinxela e totalmente gratuíta. Tan só hai que premer na tenda correspondente en cada dispositivo móbil -Play Store, no caso dos sistemas Android, na App Store, no caso de iOS e na Microsoft Store en Windows Phone-, teclear Non piques, non peques e iniciar a descarga.
Esta aplicación naceu en orixe para ofrecer información esencialmente sobre as vedas e talles mínimos das especies da pesca e do marisqueo, pero a intención é ampliala con especies procedentes da acuicultura coma o mexillón. De feito, co obxectivo de que a cidadanía se involucre no seu desenvolvemento, a Consellería do Mar porá a disposición dos usuarios un correo electrónico (cma.conselleria@xunta.gal) para que os cidadáns fagan chegar as súas propostas con suxestións de mellora e ampliación de información e especies que poidan considerar útiles. A aplicación, lanzada en galego e castelán, tamén recollerá a información en inglés nas próximas actualizacións que se fagan.