En Porto do Son, o gran concurso de disfraces e comparsas converteu as rúas nun auténtico espectáculo. A comitiva partiu da Casa da Cultura ata a fachada marítima, enchendo o percorrido de animación, coreografías e carrozas de gran elaboración.
Xa na carpa instalada para a ocasión, o xurado elixiu como mellor comparsa ao grupo local Os de Sempre, que conquistou ao público cunha posta en escena inspirada en Venecia. Na categoría de grupos, impúxose unha vistosa tribo africana, nun desfile no que non faltaron indios nin fauna mariña.
Pero se houbo unha cita multitudinaria foi a de Noia. Máis dun milleiro de persoas participaron no tradicional desfile do Rally París-Dakar, que celebrou os seus 40 anos consolidado como unha das grandes referencias do Entroido galego.
Carrozas espectaculares, disfraces de gran creatividade e coreografías moi traballadas fixéronse eco no municipio. O premio estrela na categoría de grupos foi para A última chamada, chegados desde Tomiño, cunha proposta protagonizada por teléfonos xigantes. En comparsas, o primeiro posto foi para La fábrica de la luz, con participantes caracterizados como coloridas lámpadas.
Na Pobra do Caramiñal, o tradicional desfile de disfraces levouse a cabo o venres, e a participación e a orixinalidade tamén se fixo destacar. Comparsas como Samieira, Os da Caña ou As Sonecas participaron nun percorrido que comezou na Covecha e acabou no colexio Fernández Varela. O primeiro premio foi para A máquina do tempo: destino a Pobra; en grupos, Los piratas con más pluma del Caribe; e nas carrozas, Nicradance- Esta cara te suena.
E en Boiro, a espera tamén valeu a pena. O desfile de carrozas encheu a rúa peonil nunha xornada marcada polo bo tempo e a alta participación. Dulce fantasía levou o primeiro premio en carrozas e Aquelarre impúxose na categoría de grupos.
E no mesmo municipio, o entroido pechouse coas tradicionais citas do Domingo de Piñata. En Cabo de Cruz, o Farruco percorreu as rúas antes da súa queima; en Praia Xardín, a Cunca foi trasladada ata o paseo do río Coroño para a súa incineración; e en Abanqueiro, o Óso foi enterrado en Aldea Grande, nunha xornada que rematou con música e degustación de doces típicos.
O Barbanza despide un Entroido marcado pola música e a participación


