A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apelou hoxe en Vigo a seguir traballando ante a Unión Europea para evitar que queden cotas sen pescar polos Estados membro, como aconteceu no período 2008-2014, no que máis dun millón de toneladas quedaron sen consumir, segundo os datos que manexa a Xunta e que foron feitos públicos por ARVI. Esta cantidade de especies que quedou sen pescar suporía un valor económico estimado no mercado de 1.800 millóns de euros.
A conselleira fixo estas declaracións no marco da súa intervención no almorzo-coloquio sobre o sector marítimo pesqueiro galego, organizado polo Círculo de Empresarios de Vigo. Alí explicou que a Xunta continuará buscando argumentos sólidos co sector para paliar os efectos negativos que ten sobre a nosa frota o principio de estabilidade relativa. Un concepto sobre o que o Goberno estatal daquela baseou as súas negociacións para a entrada de España na UE no ano 1986 empregando as cotas pesqueiras como moeda de cambio.
Neste sentido, destacou a importancia de “facer valer as boas prácticas de Galicia” no eido pesqueiro como reto clave que pode abrir a porta para revisar o principio de estabilidade relativa no marco da negociación do Brexit.
Por outra banda, a titular de Mar puxo en valor a importancia da frota de altura e grande altura de Galicia, que cumpre uns esixentes estándares ambientais, socio-laborais e económicos, e destacou o seu traballo en augas exteriores. Neste eido, sinalou que a Xunta fomentará as inversións dos armadores galegos en terceiros países para mellorar a súa competitividade. Deste xeito, explicou que se están a buscar ferramentas financieiras para a renovación da frota e o reforzo de contactos cos países nos que está asentada a frota galega. Así, sinalou, o Goberno autonómico continuará cos contactos establecidos con Cabo Verde, Namibia e Perú, entre outros países.
https://www.youtube.com/watch?v=-YOrDlcL5Fg