Icono del sitio CanalBarbanza.com

O Casino de Noia acolle a exposición «Trazos de Paixón»

O Casino de Noia acolle a exposición «Trazos de Paixón», unha mostra que reúne as pinturas de Alfonso Costa e Isabel Pintado, xunto ás esculturas de Soledad Penalta. A inauguración foi un acto cheo de creatividade, que ademais das obras de arte, contou coa participación da soprano Esperanza Mara, que interpretou pezas musicais tributo a figuras como Prudencia Romo, Avilés de Taramancos e María Mariño.
A concelleira de Cultura de Noia, Chelo Martínez, foi a encargada de abrir o evento, destacando a altura creativa da exposición e o privilexio que supón para Noia poder recibir esta proposta artística. A concelleira asegurou que «Trazos de Paixón» reflexa unha profunda relación interartística, e subliñou a importancia de que o público poida entender e conectarse coa mensaxe de cada unha das obras presentadas.
A profesora Pilar Sampedro foi a encargada de introducir aos asistentes nas traxectorias e na obra dos tres artistas, que tamén tomaron a palabra para compartir as súas impresións sobre o proceso creativo que deu forma ás pezas expostas.
Pola súa banda, Soledad Penalta falou das súas esculturas, que buscan expresar as súas preocupacións antropolóxicas e visibilizar a loita da muller pola igualdade.
A exposición estará aberta ao público ata o 28 de febreiro, permitindo que todos os visitantes poidan disfrutar destas 35 obras e reflexionar sobre o vínculo entre as artes plásticas, a música e a poesía. As salas do Casino de Noia estarán dispoñibles para as visitas de luns a venres, de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados tamén en horario de mañá.
Cartel de YouTube

Salir de la versión móvil