A tradicional Andaina e Belén de Cumes do Concello de Lousame atraeu este domingo a máis de cen persoas, que, a pesar das temperaturas baixo cero, non quixeron perderse esta actividade popular. A saída foi ás 10:00 h, desde o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, e participaron camiñantes de diversas idades, entre eles, un numeroso grupo do Club Trabandainas de Noia.
O percorrido, de 14 quilómetros, foi circular e seguiu o mesmo trazado que se utilizará para o Trail Curto de Lousame o vindeiro 28 de decembro. Durante o camiño, os participantes puideron gozar dunha parada no Museo das Minas de San Finx, onde se montou un Belén de Cumes de gran tamaño. A xornada tamén contou cunha visita ao Monte da Fiosa e á Cruz de Marselle, desde onde se podían admirar as impresionantes vistas da Ría de Noia.
A actividade, na que non faltaron as tradicionais gorrexas de Papá Noel e mascotas acompañantes, finalizou cun delicioso chocolate con churros ofrecido por Churrería Rafa. A tenente de alcalde de Lousame, Silvia Agrafojo, destacou a gran participación e agradeceu o apoio das Redes de Voluntariado, Cruz Vermella e Protección Civil.

