O DOG publica as axudas de 18,2 millóns para promover o traballo autónomo e consolidalo con incentivos á contratación indefinida

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar o inicio de actividade dos autónomos e para consolidar o seu traballo con incentivos á contratación indefinida. En total, o investimento do departamento autonómico para esta actuación alcanza os 18,2 millóns de euros.
Por unha banda, establécense apoios de 2.000 euros para axudar ás persoas desempregadas no inicio da súa actividade laboral, unha contía que aumentará nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares con todos os seus membros en paro e no caso de que o centro de traballo estea no rural. Deste xeito, a contía máxima poderá alcanzar os 4.000 euros. Este ano, como novidade, non se esixe un investimento mínimo para poder optar á axuda.
A Xunta financiará as altas na Seguridade Social formalizadas entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive.
A Consellería de Economía apoia, doutra parte, a consolidación do traballo autónomo con axudas para a contratación indefinida durante o primeiro ano de actividade. A axuda será de 5.000 euros para a contratación da primeira persoa traballadora e de 6.000 euros para a segunda e terceira. Supón 1.000 euros máis en cada caso con respecto á convocatoria do ano pasado. As contías tamén se incrementarán nun 25% nos supostos mencionados anteriormente. Así, os apoios máximos poderán acadar os 10.000 euros para o primeiro traballador contratado e os 12.000 euros para o segundo ou terceiro.
O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2017 nos dous programas de axudas, aínda que as solicitudes para os incentivos á contratación indefinida para os contratos realizados entre o 1 de outubro de 2016 e hoxe deberán de presentarse no prazo de dous meses, ata o 13 de maio, e os apoios para as contratacións realizadas a partir de hoxe poderán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data na que se inicie a relación laboral. O prazo máximo en todo caso rematará o 30 de setembro deste ano.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.