Galicia bateu en 2016 o récord histórico de facturación nas vendas de peixe e marisco

O informe sobre a venda de produtos pesqueiros presentado pola Consellería do Mar da conta dun récord histórico de facturación nas vendas de peixe e marisco en 2016 nas lonxas galegas.
O valor do peixe e marisco frescos de Galicia aumentou nun 19%, ata acadar no ano pasado os 491 millóns de euros. E, no mesmo período, o volume de descargas aumentou un 15%, ata as 188.000 toneladas do ano pasado, de tal xeito que o crecemento dos ingresos do sector estivo por riba do crecemento do volume descargado.
Ademais do peixe destaca o grupo dos bivalvos, que acadaron uns ingresos de 70 millóns de euros, máis do 14% da facturación total.
Por lonxas, cómpre resaltar que case o 80% das vendas e o 75% da facturación se realizaron nas lonxas da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro. Detrás destas, sobresaen as lonxas do Grove, Cambados, Noia e Carril, centradas no marisqueo e na frota de artes menores, principalmente.
En relación ás vendas por modalidades de pesca, o informe pon de manifesto que o cerco incrementou en máis dun 51% o volume de pesca descargada desde 2013, crecendo o valor económico das súas descargas un 15,5%. Así, o ano pasado esta modalidade alcanzou máis de 52.000 toneladas fronte as máis de 34.00 toneladas de 2013. As artes menores tamén incrementaron as súas descargas en preto dun 25% e o valor económico en preto dun 45%.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.