Icono del sitio CanalBarbanza.com

Ribeira: O Magosto Popular enche a praza do Concello con castañas, música e bo ambiente

Ribeira celebrou esta fin de semana unha das súas festas máis populares da tempada: o magosto. A praza do Concello encheuse de veciños e veciñas que quixeron gozar dunha tarde de tradición, música e castañas, nun evento organizado polo BNG, Galiza Nova e a Asociación Cultural Altofalante.
Dende as sete e media da tarde, centos de persoas achegáronse á praza do Concello para participar neste magosto popular, que combinou festa, cultura e gastronomía.
O programa comezou coa presentación do libro infantil “O Magosto de Brais”, do escritor ribeirense Jorge Pérez Sampedro. A actividade reuniu a moitas familias e espertou o interese dos máis pequenos pola tradición do magosto.
Cartel de YouTube

Asimesmo, a música do DJ Jalaiko e os xogos populares animaron a xornada, mentres se repartían de forma gratuíta centos de castañas asadas entre o público asistente.
Xa entrada a noite, o momento máis esperado chegou coa queimada popular dirixida por Nando Llon. O tradicional conxuro e o lume das augardentes puxeron o punto final a unha celebración chea de participación.
Os organizadores destacaron o comportamento exemplar do público e xa avanzan que esta celebración regresará o próximo ano, co obxectivo de consolidarse como unha das citas máis queridas do outono en Ribeira.

Salir de la versión móvil