A porta da Casa do Concello de Noia converteuse o venres no escenario central dun acto de sensibilización promovido pola asociación A Creba. A cita contou cunha destacada presenza do goberno municipal, encabezado polo alcalde, Francisco Pérez, e coa participación de alumnado dos institutos Virxe do Mar e Campo de San Alberto, ademais do colexio María Assumpta, xunto a público xeral.
Durante a lectura do manifesto, Alba Allo, educadora social da entidade, salientou a necesidade de visibilizar a saúde mental e de dotar este ámbito de máis recursos.
Tamén tomou a palabra o alcalde de Noia, Francisco Pérez, quen subliñou o compromiso do Concello coa promoción da saúde mental e coa colaboración con entidades sociais.
O acto formou parte dunha programación máis ampla promovida por A Creba, que inclúe charlas en centros educativos, un concurso de fotografía baixo o título “Enfocando o benestar” e visitas a hospitais da contorna para dar a coñecer o labor do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral.
O PASADO VENRES CONMEMOROUSE O DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL, E EN NOIA FIXÉRONO CUN ACTO SIMBÓLICO DIANTE DA CASA DO CONCELLO


