A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, mantivo unha xuntanza coa Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca para avaliar a situación das pesquerías para este ano, entre elas a da sardiña e a anchoa, campañas que empezan o vindeiro 1 de marzo.
En relación á sardiña, o sector e a administración analizaron a proposta de resolución do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente para xestionar esta pesquería e chegaron a un acordo para realizar unhas alegacións conxuntas e remitilas ao Ministerio de cara a unha mellora das posibilidades de pesca. Entre as propostas acordadas está a de revisar á alza as cotas de capturas semanais asignadas inicialmente a esta especie – de 3.000 quilos por barco e semana- e tamén os topes mensuais previstos para toda a frota antes do 31 de maio.