O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) de Corcubión detivo a un home, veciño de Mazaricos, como presunto autor de 1 delito de incendio forestal. As accións desenvolvéronse a raíz do incendio rexistrado o pasado 6 de agosto na localidade de Prudenza no termo municipal de Zas, lume que se reproduciu o día 9 do mesmo mes polas condicións meteorolóxicas na zona.
A Garda Civil iniciou unha investigación para esclarecer as causas do mesmo e a identificación dos posibles autores. Tras a análise da información solicitada, os gardas civís souberon que se estiveron realizando labores agrícolas con maquinaria na leira na que os investigadores situaran o punto de inicio do incendio. Unha vez localizada a maquinaria que realizou ditas labores, procederon á inspección ocular da mesma, constatando que carecía de elementos de retención de faíscas estipulados na lexislación vixente para a prevención e defensa contra os incendios forestais.
Unha vez coñecida a identidade do presunto responsable, a Garda Civil procedeu á súa detención como suposto autor dun delito de incendio forestal por neglixencia grave. O detido e as actuacións realizadas foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Corcubión.
A Garda Civil lembra que, durante a época de perigo alto, é obrigatorio que os tractores, máquinas e vehículos de transporte pesados que van utilizarse en labores agrícolas ou forestais estean provistos de equipamento para a extinción de incendios que se estableza de forma regulamentaria. Así como de dispositivos de retención de faíscas nos tubos de escape.

