Licitadas as obras para a finalización do novo centro social multiusos de CARREIRA

O Concello de Riveira informa da licitación das obras necesarias para a finalización do Centro Social Multiusos de Carreira.

Así, segundo o anuncio publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, os interesados dispoñen de 26 días naturais para a presentación de ofertas. O prezo de licitación é de 266.377,57 euros e o prazo de execución, catro meses.

Conforme ao proxecto técnico elaborado, o que se pretende é proceder ao remate do recinto levando a cabo os acabados, instalacións de telecomunicacións, acometidas e urbanización exterior. Trátase das últimas obras necesarias para rematar o novo inmoble, que se destinará á realización de actividades de ámbito local como charlas, cursos, reunións e outras propostas dos veciños da parroquia.

Ademais, a instalación da envolvente evitará a degradación das estruturas, que actualmente están expostas á humidade. Este sistema de illamento executarase tanto nas paredes exteriores coma nas interiores, e complementarase co pintado de todas as estancias con pintura plástica antimofo.

Así mesmo, crearase unha soleira e varios chanzos de formigón para diminuír a humidade e facilitar o acceso ao patio, e instalaranse sistemas de climatización e ventilación de alta eficiencia enerxética.

Os fondos provinciais tamén sufragan toda a carpintería interior, coma as portas das diferentes salas ou as encimeras, barras e bancos da cafetería. As obras no interior do centro completaranse cos instalación de falsos teitos e de pavimentos, que se realizarán en parquet industrial de madeira maciza e en plaqueta de gres procelánico.

Previamente, xa foron efectuadas a estrutura, pechamentos exteriores, cuberta e instalacións de fontanería, saneamento e electricidade segundo o proxecto técnico redactado polo arquitecto Ángel Cid. Cómpre lembrar que a infraestrutura foi iniciada polo obradoiro de emprego Vionta no 2013 e continuou no 2014 polo novo obradoiro Tahume, dando lugar nos anos seguintes a novas actuacións, a última das cales tivo lugar no pasado outono de 2016 coa execución da cuberta e impermeabilización cun investimento de 57.959 euros.

Unha vez remate esta obra, a instalación, de 268 metros cadrados útiles vai estar formada por dous volumes unidos, un dos cales consistirá nun local diáfano capaz de aloxar diferentes actividades da comunidade e o outro que dará cabida a unha cafetería e aos servizos comúns.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.