A XUNTA e a RAG presentan ‘os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acudiron hoxe á sede da Real Academia Galega (RAG) para presentar ‘Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización’. Este traballo, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Seminario de Onomástica da RAG, será distribuído nos xulgados de paz e rexistros civís e estará a disposición do funcionariado na intranet da Dirección Xeral de Xustiza para facilitar a regularización dos apelidos patrimoniais galegos deturpados.’Os apelidos en galego. O libro ten tamén un capítulo que recolle a listaxe normalizada dos 1500 apelidos galegos máis frecuentes e outro coas correspondencias entre as variantes non estándar e as formas recomendadas. Orientacións para a súa normalización’ é froito da colaboración da Xunta de Galicia co Seminario de Onomástica da RAG dirixido pola profesora e académica correspondente Ana Isabel Boullón. Nel recóllense os criterios empregados pola Real Academia -institución responsable por lei dos aspectos normativos da lingua galega- para estandarizar os apelidos galegos, pensando especialmente na recuperación daqueles que foron castelanizados a partir do século XVI e, de maneira particularmente intensa, durante o franquismo.
Durante a presentación, o titular de Política Lingüística destacou que esta “é unha publicación cunha orientación claramente práctica e, como o seu título di, dirixida á normalización lingüística, pois o seu fin é restituírlles aos galegos e galegas que así o queiran unha parte importante do seu patrimonio lingüístico, inmaterial e tamén familiar, que moitas veces lles foi subtraído sen o seu consentimento”. Recalcou que a obra “axuda a difundir e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e facilita o labor do funcionariado encargado de facelo”.
Pola súa banda, o director xeral de Xustiza sinalou que como di no preámbulo o presidente da RAG, “a primeira obriga dun falante é chamar ás cousas polo seu nome, polo verdadeiro nome”, aquel que nos diferenza e individualiza e que tamén nos pon en relación a un territorio.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.