O centro cultural Lustres Rivas acollerá o próximo venres, 17 de febreiro, unha xornada informativa sobre cláusulas chan e gastos hipotecarios. A actividade titulada Que podo facer ante unha cláusula chan? será impartida por técnicos da Unión de Consumidores de Galicia. A xornada informativa terá lugar ás 19:00 horas e contará coa presenza do alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
Esta xornada forma parte dunha serie de actividades que UCGAL está a desenvolver por toda Galicia para achegar á cidadanía información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan.
O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, explica que “o obxectivo desta actividade é que cada persoa coñeza a situación na que se atopa para saber se ten unha hipoteca que inclúe unha cláusula desta natureza, e no caso de que se sexa así, se ten a posibilidade de recuperar o seu diñeiro. Tamén cabe a posibilidade de que parte dese diñeiro xa lle fora devolto, dependendo da entidade bancaria coa que se asinou a hipoteca. En definitiva, trátase de que o consumidor poida ter información detallada e individualizada, sen ningún tipo de custe, sobre a súa situación, e unha vez coñecido iso poida reclamar para que lle deixen de aplicar as cláusulas chan”
https://www.youtube.com/watch?v=thrdhbJNS1w