A Xunta agradeceu hoxe ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA) a súa disposición e colaboración para mellorar a xestión das cotas no marco do plan de xestión do Cantábrico-Noroeste e acadar o seu aproveitamento óptimo. Foi no marco dunha xuntanza que mantiveron esta mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, co secretario general de Pesca do Ministerio, Alberto López-Asenjo.
Este foi un dos temas centrais da reunión e con este obxectivo de pleno aproveitamento das posibilidades de pesca, o MAPAMA vai abrir unha rolda de negociacións coas comunidades autónomas coa finalidade de establecer mecanismos de solidariedade e diálogos para abordar entre todos este aproveitamento óptimo.
Neste sentido, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, agradeceu “o talante colaborador e negociador do secretario general de Pesca”, que sexa Galicia a primeira comunidade autónoma que visita dende o seu nomeamento e que recoñeza a importancia da pesca en Galicia.