O plan de aproveitamento específico permitirá pescar este ano 1.000 quilos de anguía na desembocadura do RÍO TAMBRE

A Xunta de Galicia renova, como anuncia hoxe o Diario Oficial de Galicia, o Plan de aproveitamento específico, que permitirá capturar unha tonelada de anguía na desembocadura do Río Tambre. A tempada de pesca dará comezo o 1 de maio e desenvolverase no tramo do río comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Ponte Nafonso, excepto a zona de desembocadura do río Tines.
Coma nas campañas anteriores, as capturas realizaranse cunha nasa especial, de tipo voitirón, e terán unha dimensión mínima de 20 centímetros. Segundo detalla o Plan de aproveitamento específico, deberase devolver ao río calquera outra especie que entre nas nasas, que terán que levantarse diariamente. Asemade, o voitirón debe estar confeccionado cunha malla non inferior a 14 milímetros e colocaranse a unha distancia mínima de 25 metros entre eles. Igualmente, cada voitirón estará debidamente identificado.
O horario de pesca estará comprendido entre as 12 horas do luns ata as 12 horas do sábado, cun máximo de 8 horas ao día de traballo.
Ademais, tal e como indica o Plan de aproveitamento específico, débese respectar o ciclo vital da especie, polo que só está permitida a pesca da anguía amarela e devolveranse de forma inmediata ao río as capturas que mostren signos externos propios da fase coñecida como anguía prateada.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.