Formalízanse os contratos-programa con 130 centros educativos públicos da PROVINCIA da CORUÑA

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, formalizou hoxe cunha sinatura simbólica os contratos-programa que desenvolverán un total de 130 centros educativos públicos da provincia da Coruña, un 15% máis ca no curso 2015/16. No encontro cos equipos directivos destes centros, o titular do departamento de ensino da Xunta de Galicia quixo agradecerlles o seu esforzo e implicación na posta en marcha deste tipo de iniciativas, que levan consigo un traballo previo de análise das fortalezas e eivas da situación de cada centro e o seu alumnado.

Neste sentido lembrou que a Consellería vai reforzar o papel docente coa contratación de 49 profesores de apoio, que se centrarán, fundamentalmente, no desenvolvemento da liña 1 da iniciativa, a relativa a reforzo, orientación e apoio, herdeira do antigo Plan PROA.

Os 130 centros de ensino públicos da provincia da Coruña que este ano participan na iniciativa desenvolverán un total de 310 iniciativas diferentes nas 6 liñas diferentes de actuación que compoñen a convocatoria: Acompañamento escolar fóra do horario lectivo, Mellora das competencias clave, Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e Mellora da calidade na xestión dos centros.
A liña de actuación número 1(antigo programa PROA) destínase ao reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 86 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 47 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin. A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, será desenvolvida por 97 centros participantes.
No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e promoción da igualdade, contará coa participación de 61 centros; e na liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, participarán 13 centros.
Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 40 e 13 centros educativos públicos, respectivamente.

https://www.youtube.com/watch?v=i0OMMp89QYk

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.