Icono del sitio CanalBarbanza.com

O EFM CONCELLO DE BOIRO PECHA UNHA TEMPORADA PARA O RECORDO CONQUISTANDO A COPA DEPUTACIÓN

Domingo de celebracións en Boiro. O EFM Concello de Boiro sumou o seu segundo título para pechar por todo o alto un temporada de sobresaínte logo de facerse coa Copa Deputación da Coruña, trofeo que se suma á Copa do Sar. As boirenses firmaron un doblete histórico, aínda que o seu duelo co Victoria B non foi un camiño de rosas.

As pupilas de Miguel Ángel Ramos saltaron ao verde da Marola coa súa proposta clara e estiveron moi serias dende o asubío inicial. A pesar de contar con baixas, as barbanzás non perderon a confianza e a ilusión, pero as súas rivais tamén saíron coas ideas claras e aos dez minutos de xogo as coruñesas adiantáronse no marcador logo dun gran gol de Ambra.

Golpe para as boirenses que mudaron o seu plan de partido. Continuaron fieis ao seu estilo e foron acumulando ocasións de gol. A insistencia tivo o seu premio e á media hora de xogo Gabriela firmou o tanto do empate e só tres minutos despois Carla anotou o segundo tanto boirense para darlle a volta ao marcador. O dominio seguía a ser do EFM Concello de Boiro, que monopolizaba as ocasións, aínda que o gol da tranquilidade fíxose de rogar.

O 1-2 mandaba no marcador ao descanso e non se volveu a mover ata os minutos finais, cando as boirenses non perdoaron. No 86 Laura mandou o esférico ao fondo da portería rival para sufocar calquera intento do Victoria de meterse no partido e xa no engadido Laura firmou o seu particular doblete para facer o definitivo 1-4.

Gran triunfo do EFM Concello de Boiro ante un gran rival, segundo título da temporada para as boirenses que completaron unha campaña para o recordo.

Salir de la versión móvil