As letras Galegas no Gaiás

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá na sala Eisenman do Gaiás o avance da programación da Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2017, dedicadas ao ourensán Carlos Casares Mouriño. Persoeiro que, en palabras do titular de Cultura representa “a cerna do galeguismo que queremos”, destacando del que “foi unha persoa íntegra e conciliadora, que entendeu Galicia como proxecto de suma de vontades.”

Así mesmo, Román Rodríguez afirmou que o Día das Letras é unha conmemoración á que a Xunta, canda a promotora da celebración, a Real Academia Galega, e en conxunto con outras administracións, entidades e organismos, se suma co espírito de loa e promoción social da nosa literatura e da nosa lingua propia. Procurando ademais un traballo transversal na dinamización e uso do galego a nivel social.
A programación conxunta das Letras Galegas inclúe mostras, iniciativas de participación social como roteiros, concursos e homenaxes, edicións conmemorativas, estudos críticos ou traducións, así como unha programación dobre, con orientación divulgativa e académica, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Casares nas bibliotecas de Galicia.
En canto ao eido expositivo, a Xunta promove a mostra “Casares na Biblioteca de Galicia”. Este centro custodia a biblioteca e o arquivo persoal de Carlos Casares, con preto de 6.000 volumes, entre os que se inclúen primeiras edicións e coleccións completas de destacados autores da literatura galega, ademais de manuscritos, cartas, fotografías etc. Unha selección destes fondos poderase ver nesta exposición conmemorativa das Letras Galegas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.