Carnota

Os parques naturais das fragas do EUME e o COMPLEXO DUNAR DE CORRUBEDO encabezan os espazos imán na coruña cos que se quere dinamizar o patrimonio natural da contorna máis próxima

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, destacou esta mañá en rolda de prensa que a provincia da Coruña conta con catro espazos imán, encabezados polos Parques Naturais das Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Vixán e Carregal, cos que se pretende dinamizar e impulsar o patrimonio natural da contorna máis próxima. A idea que se persegue coa posta en marcha do Plan de Promoción e Posta en Valor do Patrimonio Natural de Galicia é aproveitar as sinerxías entre os distintos espazos para atraer visitantes a paraxes que están na mesma área de influencia.

A maiores dos parques naturais das Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Vixán e Carregal, a provincia da Coruña dispón dun espazo en Rede Natura, Carnota-Monte Pindo e unha Reserva da Biosfera, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Estes enclaves súmanse aos 13 espazos imán identificados na Comunidade autónoma galega, que gozan non só dun alto valor patrimonial, senón tamén do recoñecemento dos galegos e das persoas que visitan Galicia. Así, pois, son lugares de enorme popularidade susceptibles de converterse en elementos de atracción de visitantes cara outros enclaves, nun radio de 30 e de 50 quilómetros, ata cubrir a gran maioría do territorio de Galicia.

O Plan de Promoción e Posta en Valor do Patrimonio Natural conta con tres eixes de actuación: a posta en valor do patrimonio natural, a promoción e comunicación do patrimonio, a través de feiras e elaboración de paquetes turísticos, e a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia. Trátase dun plan que se vai desenvolver ao longo dos vindeiros catro anos, que conta con 4 millóns de euros e que permitirá levar a cabo 29 actuacións distintas.

Unha das novidades que recolle este plan é a posta en marcha da primeira plataforma web da Rede de Parques Naturais de Galicia (parquesnaturais.xunta.gal), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Con esta páxina búscase ofrecer ás persoas que visitan os parques toda a información para gozar e sacar o máximo proveito da súa visita.

A web inclúe información práctica sobre como chegar, as visitas e rutas que poden realizar unha vez que estean nos parques, ou os servizos cos que alí se van atopar. En definitiva, facilita o acceso á información e valoriza estes espazos e a súa contorna.
Tamén se realizou unha renovación da aplicación para dispositivos móbiles, que agora contén información máis actualizada e accesible, tanto dos valores dos parques como dos recursos que se atopan nos mesmos, e establece enlaces cos servizos de información de concellos e mancomunidades da súa área de influencia. Esta App tamén se ampliará para incluír o conxunto de espazos protexidos da Comunidade, ao tempo que se fomentará a presenza nas redes sociais do patrimonio natural e o uso desta canle como ferramenta de promoción e valorización.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.