120 estudantes de centros educativos de Lobios, Muíños e Bande visitaron esta mañá as illas Cíes no marco do programa Parqueando Galicia da Xunta, que ten como obxectivo que alumnado da contorna dun parque natural da Comunidade coñeza o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
Esta iniciativa busca que a rapazada que vive na contorna dun parque natural, como neste caso é o Xurés, poida descubrir a riqueza natural, cultural, paisaxística e etnográfica das Illas Atlánticas.
Ángeles Vázquez anunciou que o vindeiro curso esta actividade se ofrecerá a centros educativos localizados na área de influencia doutro parque natural e avanzou que se estuda a posibilidade de ampliar esta iniciativa para que colexios do ámbito do Parque Nacional tamén poidan coñecer outros espazos protexidos da Comunidade.

