A VII Edición dos Premios PEL da Deputación da Coruña bate neste 2025 os seus récords de participación ao sumar 127 candidaturas presentadas.
Estas candidaturas repártense en tres categorías, Iniciativa Emprendedora, para a que aplican 31 empresas, Traxectoria Empresarial, con 79, e Proxección e Innovación Sostible, con 17.
Entre os perfís aplicantes a estes galardóns reflíctese a diversidade e o dinamismo do tecido económico provincial con 58 microempresas, 34 autónomos e unha gran representación do sector servizos con 83 candidaturas. Destacan neste campo as compañías de campos como a hostalería, o turismo, a educación ou a formación.
As candidaturas amosan tamén o traballo feito pola Deputación en toda a provincia. Proceden dos 40 concellos coruñeses, cunha forte presenza das comarcas de Santiago e da Coruña. Salienta tamén o compromiso coa igualdade de, xa que en máis da metade das candidaturas as promotoras son mulleres ou empresas cunha alta participación feminina.
O xurado estará composto por expertos no campo. Durante a deliberación, valoráronse criterios como a orixinalidade da idea, o grao de innovación, o impacto social e territorial da empresa ou a implantación de medidas de responsabilidade social.
Ademais dos tres premios principais de 20.000 euros cada un, o xurado acordou conceder tres accésits de 5.000 euros a empresas cunha especial relevancia e impacto no territorio.
Os gañadores desta edición 2025 dos Premios PEL da Deputación da Coruña daranse a coñecer durante a gala oficial que se celebrará o vindeiro 20 de xuño no Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón.

