Os problemas coa EDAR de Ribeira chegaron ó Parlamento galego, ata onde tamén se achegou un grupo de veciños de Castiñeiras afectados polos olores que desprenden os pozos de bombeo. A deputada socialista Loli Toja denunciou hoxe que a “xestión neglixente” da construción da Edar de Ribeira está a provocar graves problemas de vertidos que derivan nun perigo para a saúde da poboación afectada e un importante dano medioambiental. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Parlamento sobre esta situación e reclamou “responsabilidades políticas” ao goberno.
A responsable socialista reclamou que o goberno paralice a entrega da obra mentres persistan estes problemas.
A isto respondeu a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que anunciou, a súa próxima visita a Ribeira para comprobar o estado da EDAR, actualmente en fase de probas.
A conselleira de Medio Ambiente tamén indicou que a Edar de Ribeira atópase nunha fase moi concreta que é a fase de probas “xustamente para ver se funciona ben”. Aclarou que se trata dun período no que, antes de ser entregada, corríxense os posibles defectos, se é que os hai e engadiu que a Consellería de Medio Ambiente estará vixiante para que se cumpran as condicións que permitan que a depuradora entre en servizo, funcione correctamente e dea servizo a 30.000 veciños e veciñas deste concello.