O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de mellora dos accesos ao local de Cruído, un proxecto adxudicado por 49.420 euros á empresa Obras y Viales de Galicia dentro do Plan de Acción Social 2015. Un proxecto que tamén inclúe a mellora dos accesos ao Punto de Atención á Infancia de Tállara dende Cernande, que se iniciarán en breve.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “o obxectivo é arranxar a estrada que da acceso ao local social de Cruído dende a estrada da Deputación onde, pola pista que vai por debaixo do local, facermos unhas cunetas de formigón que servirán tanto para que os veciños e veciñas poidan camiñar con máis seguridade como para que teñan máis espazo onde aparcar”. De feito, os traballos inclúen a creación dunha área de 75 metros cadrados de sobreanchos na zona.
Os traballos consisten na reparación de fochancas con dez centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo na ampliación do ancho da superficie pavimentada. Deste xeito, a pista, dunha lonxitude de 170 metros, pasará dos 5 metros de ancho actuais aos 6 definitivos, ao ampliarse medio metro a cada lado. Sobre ela aplicaranse cinco centímetros de aglomerado en quente.