O Plan funcional do Hospital público Gran Montecelo estará listo en maio e que se axilizarán os prazos para tentar licitalo a finais do ano que vén.

Cun investimento de 140 millóns de euros, Feijóo precisou que para acadar este obxectivo, e logo da presentación do plan funcional, a Administración autonómica intentará executar de forma simultánea o contrato de elaboración do plan sectorial, do levantamento topográfico e do proxecto básico e proxecto construtivo.

O titular do Executivo autonómico trasladou tamén o compromiso de seguir traballando pola mellora dos servizos sociais, como proba a posta en marcha dun novo centro de día para persoas con alzhéimer, que supuxo a creación de 40 novas prazas públicas, e o incremento das prazas da Galiña Azul nun 127%, coa creación de tres novas garderías públicas. E avanzou o obxectivo de licitar nesta lexislatura unha nova residencia de maiores no termo municipal, para o que se proporá nas vindeiras semanas un plan director ao Concello.
No eido do deporte, tanto o alcalde como o presidente da Xunta acordaron levar a cabo a construción dun novo pavillón de ximnasia deportiva. Unha infraestrutura que, cun investimento conxunto de entre 2,5 e 3 millóns de euros, dará servizo aos clubs pontevedreses, ademais de poñerse á disposición da alta competición.
O responsable do Goberno galego tamén expuxo ao alcalde a vontade da Xunta de acometer o saneamento da ría de Pontevedra a través dun investimento de 45 millóns de euros. Unha obra que cualificou de “difícil” porque é necesario construír un emisario submarino, mellorar a depuradora de Placeres e que implica aos concellos de Marín e de Poio. Xunto con isto, propuxo ao alcalde a incorporación efectiva do concello ao Plan de vivendas baleiras.

Ao longo da reunión, ambos os dous mandatarios avaliaron a situación actual das obras do novo edifico xudicial da Parda, en plena execución e no que se están a investir 20 millóns de euros para que estea finalizado en 2018.

https://www.youtube.com/watch?v=muaCdcCjoHI

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.