A Deputación da Coruña vén de adxudicar, por un total de 110.000 euros, os servizos de impartición de cursos de formación en socorrismo acuático á Cruz Roja Española e á Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia.
A sede da institución provincial acolleu esta mañá a sinatura dos contratos con ambas entidades para a realización dos cursos, dirixidos a persoas desempregadas de todos os concellos da provincia, que terán lugar en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ferrol, acollendo en cada unha aos participantes dos municipios máis próximos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, manifestou a intención do goberno provincial de que os cursos, de carácter gratuíto, “ademáis de facilitar a formación e inserción laboral de 90 persoas desempregadas da provincia, contribúan a solventar en parte a falta de socorristas nas praias galegas durante os períodos estivais”.
A Cruz Vermella Española será a encargada de impartir os cursos na Coruña, nos que a Deputación inviste 40.000 euros e que comezarán a principios do mes de marzo na Casa da Auga da Coruña. Doutra banda, á Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia adxudicáronselle os cursos en Santiago e Ferrol, cun custe de 35.000 euros cada un.
En cada unha destas cidades, impartiranse dúas formacións, unha de especialidade en espazos acuáticos naturais e outra en instalacións acuáticas, que permitirán o acceso directo aos certificados de profesionalidade AFDP0109 Socorrismo en Instalacións Acuáticas e AFPD0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
A Deputación contrata a formación de 90 socorristas na Coruña, Ferrol e Santiago
Please login to join discussion