Lousame é o único municipio da provincia que participa no Programa Aurora, que promove a inserción sociolaboral das mulleres do rural

O Concello de Lousame é o único municipio da provincia da Coruña que participará no Programa Aurora, unha iniciativa do Instituto da Muller que pretende promover a inserción sociolaboral das mulleres do rural. O programa, que contará coa financiamento do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello de Lousame, pretende mellorar a participación social e laboral das mulleres do rural, co obxectivo último de contribuír a un desenvolvemento sostible da zona, evitando a despoboación e posibilitando unha maior incorporación das mulleres á actividade económica.
No Programa Aurora 2014 participarán mulleres dun total de 38 concellos rurais de toda España, dos que sete son galegos: Lousame (A Coruña), Catoira (Pontevedra) e Maceda, Amoeiro, Castrelo de Miño, Pobra de Trives e A Veiga (Ourense). Concretamente, en Lousame poderán participar entre 20 e 30 veciñas, que poden conseguir máis información e anotarse nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494. A participación é totalmente de balde.
O Programa Aurora desenvolverase en Lousame a través dun itinerario secuenciado en dúas fases, que teñen en conta tanto os aspectos persoais como profesionais das mulleres. Na primeira fase do programa traballaranse aspectos persoais tales como as necesidades e as demandas das mulleres, os seus coñecementos e as súas expectativas, entre outros. Despois, nunha segunda fase, traballarase a motivación laboral e a formación ocupacional “a medida”, adaptada aos ocos de mercado detectados na nosa contorna, co obxecto de vencellar os perfís profesionais cos postos de trabalo ofertados.
O Programa Aurora 2014 está organizado polo Instituto da Muller, entidade dependente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e conta coa colaboración do Concello de Lousame e coa financiamento do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo “Loita contra a Discriminación” dos Marcos Comunitarios de Apoio para o período 2007-2013. Comezou a funciona no ano 2011, aínda que cada ano incrementa a súa progresión en canto a demanda entre municipios rurais de toda España de menos do 5.000 habitantes.

http://youtu.be/czrwaCtRyoo

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.