Arousa Norte participará a partir de mañá mércores, 1 de febreiro, na 18 edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que se celebra na cidade de Ourense. A entidade estará presente con distintas accións entre as que se inclúen degustacións da extraordinaria gastronomía da zona e un showcooking que leva por título Gastronomía para os sentidos, conducido polo cociñeiro Iñaki Bretal.
A presenza de Arousa Norte no evento gastronómico centrase na localización dun stand propio na feira onde se ofrecerán degustacións os días 2, 3, 4 e 5 de febreiro a partir das 13,30 horas. A oferta gastronómica de Arousa Norte centrarase na riqueza dos produtos do mar transformados pola industria conserveira de calidade con sede nos catro concellos.
O venres, 3 de febreiro, o cociñeiro Iñaki Bretal conducirá o showcooking Gastronomía para os sentidos onde maridará os produtos típicos da zona do mar e da terra con outros, nunha proposta baseada no sabor singular das terras de Arousa Norte.
Ademais, Arousa Norte proporcionará información da súa oferta turística a través dos distintos folletos informativos entre os que se atopan Arousa Norte, Paraíso Encontrado e Guía de Visita de Arousa Norte, ademais de mapas da zona.
A xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, destacou que “Xantar é unha oportunidade extraordinaria para difundir a nosa oferta turística sobre todo ante un público latinoamericano que busca innovar e modernizar moitos dos sabores e produtos que xa lle son coñecidos”. Nesta edición de Xantar, participan 232 expositores que proveñen de países coma Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba e Arxentina.
Maruxa Ledo tamén participará no I Workshop de Turismo Gastronómico no que se darán cita touroperadores interesados e novos destinos enoturísticos.
https://www.youtube.com/watch?v=WLiFipVsE8Y