Feijóo salienta a importancia de optimizar os nosos recursos enerxéticos para reducir o custo da xeración eléctrica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia de optimizar os recursos enerxéticos para reducir o custo da xeración eléctrica e, nesta liña, referiuse á inauguración da central hidroeléctrica de San Pedro II, nos Peares, como un exemplo desa aposta pola eficiencia, que aumenta o rendemento da central situada río arriba sen máis afección do recurso.
Ademais de reducir o custo de xeración, Feijóo puxo de manifesto que acometer investimentos como este, ademais de xerar postos de traballo, facilitan un mellor aproveitamento dos recursos naturais e permiten reducir un dos principais gastos que teñen que soportar os fogares e as empresas, especialmente nos momentos punta de demanda.
Durante unha visita ás instalacións, o titular do Executivo galego ratificou o compromiso da Xunta coas enerxías renovables e subliñou que esta infraestrutura reforza tamén o papel de Galicia como potencia nesta materia: Galicia é o hoxe a segunda comunidade con máis potencia hidráulica instalada, con 3.690 megavatios, o 18% de toda a capacidade hidráulica de España; e no eido da biomasa, desde 2014 a Comunidade instalou 3.000 caldeiras que están a evitar que cada ano se emitan 47.000 toneladas de CO2 á atmosfera.

https://www.youtube.com/watch?v=lpZc0bv84K4

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.