Pasa unha nova semana e o Boiro continúa na loita pola salvación. Unha semana ademais con dous enfrontamentos ligueiros. O Xoves santo golearon por 4 a 2 ao Silva en Barraña e o domingo non foron capaces de pasar do empate a ceros ante o Villalonga.
A xornada 19 traía a Barraña un encontro duro para o CD Boiro. Recibían a un Silva virtualmente salvado e asentado na media táboa, pero non por iso menos perigoso. De feito, comezaron por diante no marcador cando Raúl Melo anotaba o primeiro no 19. Non tardou en chegar a resposta do Boiro, xa que Pedrosa puxo as táboas dende os once metros menos de dez minutos despois.
Co empate foron a vestiarios, e cando só pasaban dez minutos do segundo acto o Silva volvía atopar o premio do gol para o 1 a 2. foi nese momento cando Yago García puxo o traxe de salvador para o Boiro e con goles no 60, no 69 e no 75 firmou un hat trick para asegurar a vitoria ante os coruñeses.
Chegaban coa moral polas nubes ao partido do domingo ante o Villalonga, un rival a priori máis asequible e que figura por debaixo do Boiro na táboa rozando o descenso. O partido selouse cun agridoce 0 a 0 que non deixa a ningún equipo contento.
Non houbo demasiadas ocasións para ningún dos dous conxuntos, a excepción dun par de chegadas de Sylla e Yago García que non atoparon porta. O 0 a 0 deixa malas sensacións para un Boiro que avantaxa só dous puntos a Valladares, o equipo que marca o descenso, así como a Villalonga e Barbadás, equipos xusto por debaixo deles. Os de Vilalonga atópanse nunha situación máis proveitosa, xa que malia non aproveitar esta oportunidade, deben desputar aínda o seu encontro adiado ante o Betanzos.
Por diante quédanlle ao Boiro encontros ante Barbadás, Somozas e Gran Peña.