Nova lea entre Cidade de Ribeira e Lalín. Non é nova a mala relación entre ambos equipos logo dos enfrontamentos nos últimos anos, o encontro correspondente á xornada 19 protagonizou un novo capítulo entre barbanzáns e dezanos.
O Xoves Santo era o día no que estaba fixado o partido Lalín-Cidade de Ribeira da xornada 19, adiado por mor do temporal no mes de xaneiro. Os locais escolleron as doce da mañá como a hora na que se debía desputar, algo que non gustou en Ribeira e polo que solicitaron o cambio de hora.
Ante a negativa dos locais e da federación para atender ás súas peticións, o Cidade de Ribeira presentou 17 partes de lesións dos seus xogadores. Ao non dispor de suficientes fichas do primeiro equipo, a Futgal optou como media extrema volver pospoñer o partido. Unha decisión que volve crispar os ánimos en Lalín e que prende a mecha da disconformidade para un dos encontros máis quentes da temporada.
O partido que si tiveron que xogar os futbolistas do Cidade de Ribeira foi o do domingo ante o Órdenes. Un empate a 2 que os afasta un pouco máis do seu soño de desputar a fase de ascenso a Terceira RFEF.
Non puideron comezar peor, xa que á media hora perdían por 0 a 2. A resposta local non tardou en chegar e no 34 recortaron distancias cun gol de Nando. O paso por vestiarios serviu aos de Ribeira para armarse de valor e deixar de lado as polémicas dos días anteriores.
Buscaron de todos os xeitos o tanto do empate, que acabaría chegando no 80. un gol de Aguado que permite ao Cidade rascar un punto e deixalos con 47 na sétima posición. O play off está a unha distancia de seis puntos. Aos ribeirenses quédanlles por diante catro partidos, un máis que a San Tirso, equipo que marca a entrada á fase, e os mesmos que ao Lalín, máximo rival dentro e fóra do campo.