A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, participou en Porto do Son na inauguración da sala de elaboración de conservas artesanais Sotavento. Alí destacou a aposta que esta empresa, promovida por dúas mulleres, realiza pola pesca artesanal local, a innovación e o emprego feminino.A titular de Mar, sinalou que esta iniciativa, que naceu como proxecto do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sustentable, contribúe ao asentamento de marcas produto do territorio como, por exemplo, o polbo de lonxa. Ademais, engadiu que o envasado realizado por Sotavento conxuga “a tradición artesá e a innovación na súa imaxe, unha maridaxe perfecta nun mercado global no que o cliente, cada vez con máis coñecementos, demanda produtos de alto valor engadido e de clara concienciación coa sustentabilidade”.
Por outra banda, Rosa Quintana, destacou o apoio da Consellería a este proxecto que “contou con case o 65% de axuda pública” e en xeral aos grupos de acción local do sector pesqueiro. Neste sentido, sinalou que é compromiso da Xunta impulsar o papel destes grupos cunha materialización de inversión xeral de 57 millóns de euros para a lexislatura 2016-2020.