Deportes

TRIUNFO DO EFM CONCELLO DE BOIRO QUE SEGUE INMERSO NA PELEXA POLO PRIMEIRO POSTO DA PRIMEIRA DIVISIÓN FEMININA

Só valía a vitoria e o EFM Concello de Boiro non errou logo de dúas derrotas seguidas. As boirenses sumaron novamente un triunfo logo de gañar ao Calo a domicilio, vitoria que permite ao conxunto adestrado por Miguel Ángel Ramos seguir na loita polo título. Este era un encontro marcado en vermello polas do Barbanza xa que tiñan que poñer freo á xeira negativa.

Sen embargo as cousas non comezaron ben para o EFM de Boiro. Un balón longo sen aparente perigo converteuse no minuto 8 no primeiro tanto do encontro, o que poñía por diante ao Calo. As boirenses seguiron apertando e tratando de poñer dificultades á saída de balón das locais, pero non obtiveron o ansiado premio en forma de gol polo que se chegou ao descanso co 1-0.

A proposta do Boiro non mudou na segunda metade e tras moito insistir conseguiron traspasar a defensa do Calo para igualar o marcador. Empate que subiu ao electrónico no minuto 71 e levou a firma de Carla Sanda. As locais estaban encaixando o golpe cando Antía González deu a volta ao encontro co 1-2 no minuto 75.

O tanto da tranquilidade fíxose esperar dez minutos máis, pero chegou en forma de penalti. Laura Alejo non perdoou e no 85 colocou o que sería o definitivo 1-3.

Con este triunfo as boirenses seguen terceiras e mantéñense na loita polo título xa que o Orzán, líder, e As Celtas B, segundas, están só dous puntos por diante. Esta fin de semana o EFM Concello de Boiro regresa a Vista Alegre. O domingo ás 17.00 horas enfróntase ao Sardoma de Vigo B, décimo cuarto clasificado.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.