martes, octubre 3, 2023

BREAKING

A Deputación e a Universidade de Santiago colaboran para investigar novos métodos de erradicación da vespa velutina

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a investigación de novos métodos para a contención e control da praga da vespa velutina, a realización dunha cartografía da súa distribución na provincia e a avaliación do impacto socioeconómico desta praga.
Mediante esta colaboración, a Deputación financia con máis de 137.000 euros un equipo multidisciplinar, no que participarán investigadores dos departamentos de Anatomía Patolóxica, Química Orgánica, Edafoloxía e Química agrícola, Economía Aplicada e I+D+i da USC.

Con este convenio a Deputación pretende impulsar “unha estratexia conxunta e efectiva de loita contra esta especie invasora buscando unha solución definitiva á praga.
O grupo estudará estratexias alternativas de loita biolóxica contra a especie invasora, fundamentadas na hipotética vulnerabilidade da vespa velutina a determinados parasitos autóctonos dos himenópteros galegos.
A información obtida permitirá estimar a diversidade e abundancia de parasitos en diferentes especies de avespas e abellas e identificar se algún puidera ser patóxeno para a especie invasora e, polo tanto, susceptible de ser empregado para debilitar ou eliminar estas colonias. Unha ferramenta biolóxica desta natureza tería a grande vantaxe de non supor un perigo biolóxico para o resto da fauna galega, ao tratarse de organismos xa presentes no medioambiente.
A creación dunha cartografía da distribución espacial desta especie invasora facilitará tamén as actuacións de prevención e erradicación, ao permitir focalizar os esforzos nas área xeográficas con maior risco. Ademais, esta información permitirá crear modelos estatísticos da evolución potencial da praga e da súa distribución baixo diferentes escenarios de cambio climático.
O estudo incluirá tamén unha avaliación do impacto socioeconómico da praga, cunha análise custo-beneficio das medidas propostas en comparación con beneficios atribuíbles ao seu uso.

https://www.youtube.com/watch?v=0ftSz4PPEw0

Related Posts

Load More Posts Loading...No More Posts.