Deportes

SEGUNDA DERROTA DO EFM CONCELLO DE BOIRO QUE CAE AO TERCEIRO LUGAR

O fútbol non está a sorrir ao EFM Concello de Boiro. O equipo dirixido por Miguel Ángel Ramos vén de sumar a súa segunda derrota seguida na Primeira División Feminina Arzúa Ulloa, nesta ocasión ante As Celtas “B”. Tropezo que afasta ás boirenses do segundo posto, ocupado agora polas celestes, xa que pecharon a xornada no terceiro lugar.

Vista Alegre acolleu este encontro de altura entre dous aspirantes ao título, dous dos equipos máis en forma da competición. E iso veuse sobre o verde. O filial das Celtas fíxose co control do esférico nos primeiros compases do choque mentres que as locais amosaban un alto nivel defensivo e xeraban perigo á contra. A porteira visitante atallou varias ocasións das barbanzás, pero no minuto 30 nada puido facer para deter o remate de Eva Regueira que se converteu no 1-0.

Consumíanse os primeiros 45 minutos cando as visitantes igualaron o marcador cun tanto no engadido, 1-1 que lucía o electrónico ao descanso. Na segunda metade sufriron as boirenses e o dominio visitante transformouse en gol no minuto 76, tanto co que As Celtas dábanlle a volta ao marcador.

O EFM de Boiro non deixou de loitar e de buscar o empate e a punto estivo de chegar no 95. pero esta vez Antía errou no man a man coa meta viguesa. 1-2 final, dura derrota das boirenses que pechan a vixésimo quinta xornada no terceiro lugar da Primeira División Feminina.

Esta fin de semana terán unha nova ocasión de resarcirse e volver á senda do triunfo. O domingo desprázanse ata o municipal de Rebordelo para medirse ao Calo, décimo clasificado. O encontro comezará ás 19.30 horas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.