O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que 3.462 parroquias beneficiaranse do programa de impostos cero para a compra de vivenda no rural, é dicir, o 93,7% do territorio, onde vive o 32% do total da poboación galega
Durante a súa intervención, Feijóo precisou que, con esta iniciativa, os mozos galegos, as familias numerosas e as persoas con discapacidade que compren a súa vivenda habitual en áreas rurais non terán que pagar nin o Imposto por Transmisións Patrimoniais nin o de Actos Xurídicos Documentados.
Calquera persoa interesada en saber se a parroquia onde desexa mudarse está incluída no plan de impostos cero, ten que consultar no Instituto Galego de Estatística se está cualificada como zona pouco poboada. Feijóo concluíu lembrando que en 2016 foron xa preto de 70.000 os galegos que se acolleron ás baixadas de impostos aprobadas pola Xunta: eliminación do Imposto de Sucesións para o 99% dos galegos e Impostos Cero no rural.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou tamén de que a partir da vindeira semana estará dispoñible para a súa descarga gratuíta a nova aplicación do 061 de Galicia, que facilitará o acceso ao servizo de urxencias sanitarias. Segundo explicou, esta canle deseñada para móbiles e tablets, permitirá que, en caso de urxencia, calquera cidadán envíe ao 061 os seus datos de filiación e a súa posición exacta xeolocalizada.
https://www.youtube.com/watch?v=I7wvWP9IFRQ