Ángeles Vázquez aposta por aumentar as marxes de beneficio das explotacións para mellorar a situación do sector lácteo

A titular de Medio Rural explicou, en resposta a unha interpelación sobre o tema no pleno do Parlamento, que cada granxa ten os seus propios custes de produción, polo que para un mesmo prezo do leite hainas que son rendibles e outras que non tanto. En todo caso, a conselleira lembrou tamén que os prezos do leite subiron en Galicia dende xullo 3 céntimos por litro, acadando en novembro o nivel máis alto de todo o ano 2016

En canto á conxuntura internacional, Ángeles Vázquez referiuse á redución da produción mundial de leite, sobre todo en Nova Zelanda e Australia. E advertiu que esta caída beneficia as vendas do leite galego cara o exterior. En Galicia, en cambio, a produción mantívose este ano con respecto ao anterior.
A conselleira enumerou, a continuación, as actuacións máis relevantes levadas a cabo pola Xunta e o Goberno central para axudar ao sector lácteo. Así, entre elas explicou o apoio prestado pola Administración autonómica aos grupos empresarias que teñen interese por instalar fábricas de produtos lácteos que dean valor engadido ao noso leite e que xeren riqueza. Recordou, neste mesmo sentido, que o vindeiro día 31 de xaneiro remata o prazo da nova convocatoria de axudas da Consellería para transformación de produtos agroalimentarios .
Ademais, Ángeles Vázquez destacou tamén o traballo conxunto coas cooperativas galegas no proxecto de fusión que se plasmou na creación de CLUN, a realización de controis continuos para evitar a banalización do prezo do leite ou a promoción do leite coa marca “Galega 100%”. Así mesmo, puxo en valor o recente convenio asinado co Laboratorio Interprofesional Galego do Leite (Ligal) para facilitar aos gandeiros material xenético de alta calidade producido na nosa comunidade, co fin de obter animais máis selectos e eficientes na produción e, deste xeito, mellorar a súa competitividade.

https://www.youtube.com/watch?v=2xS0-OVYyU4

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.