Regresa o voleibol unha fin de semana máis. Nesta ocasión o Rotogal pon rumbo a San Sadurniño onde se medirá ao Intasa. Os dous equipos chegan a este derbi nun bo estado de forma polo que se agarda un partido de nivel e intenso no municipal de San Sadurniño.
O Boiro Voleibol chega a esta vixésimo primeira xornada no terceiro lugar do grupo A da división de prata nacional e o fai co obxectivo de manter a praza. O conxunto adestrado por Adrián Alves segue en liña ascendente e tras perder dúas xornadas seguidas nos seus enfrontamentos co Santanderina e o Arona, regresou á senda da vitoria ante o VP Madrid.
As sensacións dos boirenses son moi positivas e queren seguir medrando como equipo, soñando mentres as matemáticas o permitan con coarse nos postos que dan acceso á loita polo ascenso. Nesta ocasión no outro lado da rede estará o Intasa San Sadurniño, quinto clasificado, que loita por arrebatarlle o cuarto lugar ao Dumbría.
Os coruñeses chegan a esta xornada nun bo estado de forma xa que veñen de impoñerse ao CID Jovellanos por un traballado 3-1. As aspiracións e as dinámicas dos dous equipos fan presaxiar que no parqué verase un derbi igualado e intenso. Iso foi o que se viviu no encontro de ida que caeu do lado do Boiro por un axustado 3-2.
Mañá sábado ás 19.30 horas veranse as caras novamente en San Sadurniño na loita por un triunfo clave para seguir na loita polos primeiros postos do grupo A.