SE O TEMPO O PERMITE, ESTA FIN DE SEMANA REGRESA A PRIMEIRA FUTGAL

Os equipos da comarca que disputan a Primeira Futgal afrontan a fin de semana coa vista posta nas previsións meteorolóxicas. Se o tempo o permite, desenvolverase a vixésimo sétima xornada da competición sen impedimentos. E agárdanse días intensos de fútbol.

O Puebla, líder indiscutible do grupo 5, recibe a visita do Atlético Cuntis. O conxunto adestrado por Chofri chega a este encontro encadeando cinco vitorias seguidas e quere seguir este camiño a pesar de que os rivais están a poñerlle as cousas complicadas sobre o verde. No seu último encontro medíronse ao Flavia e lograron un triunfo agónico nos últimos minutos do duelo. Esta xornada o Atlético Cuntis, oitavo, quere buscarlle tamén as cóxegas aos pobrenses xa que son o rival a bater. E ademais chegan coa moral alta tras vencer ao San Adrián no seu último partido. O domingo ás 17.30 horas o Puebla e o Atlético Cuntis veranse as caras nun interesante duelo.

E un dos protagonistas da xornada será o derbi rianxeiro entre o Unión e o Taragoña, dous equipos que teñen dinámicas opostas. Os de Asados son segundos e precisan gañar para manter esa posición no grupo 5, mentres que o Taragoña urxe puntuar, sobre todo de tres, para non descolgarse da loita pola permanencia xa que é último e ten a zona tranquila a nove. Os vermellos chegan a este derbi logo de gañar pola mínima ao Soutomaior mentres que o Taragoña caeu por 0-4 co Caldas. O municipal de Vilas abrirá as súas portas para acoller este derbi rianxeiro que se celebrará o domingo a partir das 17.30 horas.

Pola súa banda, o Valiño terá ante si a un rival directo na loita pola permanencia. Este domingo desprázase Á Chanciña para medirse ao Campo Lameiro, décimo quinto clasificado e equipo que marca a salvación. Os de Cabo de Cruz non saben o que é gañar dende a xornada 15 e precisan puntuar para coller distancia cos postos de perigo xa que só teñen 5 puntos de colchón. A pasada fin de semana perderon por un avultado 0-5 co Cordeiro mentres que o seu rival este domingo caeu na súa visita ao Ribadumia. Campo Lameiro e Valiño mídense o 23 de marzo ás 17.00 horas na Chanciña por tres valiosos puntos.

Mentres que no grupo 2 a Esteirana non pode relaxarse para seguir tendo marxe co descenso. Os de muros suman dúas derrotas seguidas e o seu último triunfo foi na vixésima xornada polo que agora son décimo terceiros e teñen a zona perigosa a sete puntos. Este domingo teñen unha papeleta complicada xa que se miden ao cuarto clasificado, o Boimorto, no seu feudo. A Esteirana chega a esta importante duelo logo de caer por un axustado 2-3 no seu encontro co segundo clasificado, o Club do Mar, polo que agarda amosar unha versión sólida para sacar algo positivo da súa visita ao Boimorto. Rival que no anterior encontro venceu por 1-4 ao Agolada. O Carballal abrirá as súas portas o domingo para acoller este choque entre Boimorto e Esteirana que comezará ás 17.00 horas.

Salir de la versión móvil