A 22 xornada do grupo 1 Santiago da Segunda Futgal deixou cambios destacados na clasificación. Todos os conxuntos do Barbanza, Muros e Noia que disputan esta competición puideron facerse con algún punto, salvo o Queiruga e o Atlético Oleiros.
O equipo máis destacado desta fin de semana foi o Abanqueiro. Os boirenses xogaron un duelo de altura contra o Agrón no que estaba en xogo o segundo posto da táboa, e os locais non deixaron escapar a súa oportunidade para vencer e colocarse líderes grazas á derrota do Racing San Lorenzo. Os pupilos de Jorge Fajardo estiveron moi serios sobre o verde de Vista Alegre e adiantáronse no 4 co gol de Abrahan Laíño. E xa contra o final, no 95, Laíño fixo o que sería o definitivo 2-0 que deixa ao seu equipo no máis alto do grupo.
Tamén foi unha xornada positiva para o Sporting Lampón que superou ao Queiruga no derbi comarcal da xornada. O inicio estivo igualado e houbo intercambio de goles polo que no 7 o marcador lucía xa o 1-1. Pero os boirenses adiantáronse no 18 dende o punto de penalti, vantaxe que ampliaron no 50 co 3-1 que sería o resultado final. O Lampón é cuartos mentres que o Queiruga é antepenúltimo.
O Lesende tamén sumou de tres logo de superar nun gran encontro ao ata o de agora líder, o Racing San Lorenzo. Os de Lousame tomaron a dianteira no minuto 12 e no 33 xa mandaban co 2-0, sen embargo os visitantes acurtaron distancias no 35. Pasada a hora de xogo o Lesende fixo o 3-1 e o San Lorenzo contestou no 84 co 3-2, sen embargo no 95 os locais puxeron o definitivo 4-2. Con este triunfo o Lesente pechou a xornada no sétimo lugar.
Un posto por debaixo está o Xuventú Aguiño que igualou forzas co Rois. Os aguiñenses puxéronse por diante no 17, pero no 48 o Rois colocou as táboas, 1-1 que non se volveu a mover. E o Atlético Oleiros non foi rival para o Luaña. Na primeira metade o conxunto local xa vencía por 2-0 e tras o paso por vestiarios os ribeirenses tampouco atoparon solucións para loitar polo encontro, encaixando dous tantos máis. 4-0 final, derrota do Atlético Oleiros que é agora noveno.
E o Cruído-Noia “B” superou a un rival directo pola permanencia, o Sar Extramundi. Os noieses non deron moitas opcións ao seu rival e xa mandaban no marcador dende o minuto 2, gol de Iván Creo. E no tramo final Creo bateu dúas veces máis a portería do Sar para poñer o 3-0. Agora o Cruído é duodécimo.