O golf segue de moda na comarca, e con máis forza agora no sector empresarial. A liga de empresas no club Barbanza Golf comezou hai máis dun mes e afronta agora a súa quinta xornada. Un torneo onde participan 13 equipos de ata oito compoñentes cada un.
Por diante quedan aínda cinco fins de semana na que competidores intentarán deixar á súa compañía o máis alto posible.
Hai poucas semanas comezou ademais a liga junior, unha competición promovida polo club para 40 rapaces da súa escola na que se pretende fomentar a competitividade e que se prolongará agosto. O broche final poñerase cunha gran festa para os cativos.
Precisamente nese mes e en xullo será cando cheguen os principais eventos do calendario no Barbanza Golf. En xullo celebrarase o campionato galego xuvenil, que servirá de antesala aos competidores para a fase nacional.
No mes de agosto acollerá o campionato de España sub 16 e benxamín, un evento que sitúa ao club no máis alto do golf a nivel español. Prevese que durante a fin de semana na que se celebre se acheguen ao lugar unhas 300 familias.
Antes de todo isto, na Semana Santa, o Master de Augusta trasladarase a Boiro. Será co particular Master Barbanza, que copiando o estilo do campionato estadounidense entregará un xersei conmemorativo da comarca ao gañador.